Wednesday 15 de May de 2024

Danza contemporánea e teatro infantil dentro da oferta cultural municipal para esta fin de semana


O ciclo TRC Danza continúa este venres e sábado no Teatro Rosalía de Castro, cos espectáculos ‘Vaivén’ e ‘Manbuhsona’

Ademais, o ciclo Todo Público retoma a súa actividade no Fórum Metropolitano coa representación da obra ‘La loka historia de Frankenstein’

A compañía Marie de Jongh achega este venres ao Teatro Colón a súa obra ‘Amour’, incluída na programación do Corufest

Danza contemporánea e teatro, orientado ao público infantil, é a dobre oferta cultural que impulsa esta fin de semana o Concello no Teatro Rosalía de Castro, Teatro Colón e Fórum Metropolitano.

O ciclo TRC Danza oferta sendos espectáculos este venres e sábado, coa posta en escena das obras ‘Vaivén’ e ‘Manbuhsona’. Serán ás 20.30 horas, no Teatro Rosalía de Castro. O ciclo retomarase posteriormente a partir de setembro.

‘Vaivén’, dirixida por Marcia Vázquez, é un espectáculo que trata de profundizar no mundo das emocións, relacionando danza, física e son a través de ondas sonoras coa paisaxe do océano Atlántico de fondo. Por outra banda, ‘Manbuhsona’ plantéxase coma unha viaxe á evolución vital dunha parella, sobre a superación de desafíos persoais, mergullándose para iso na natureza e inspirándose na beleza da nosa contorna.

O ciclo TRC Danza, que conta coa colaboración do circuíto estatal Danza a Escena e a Agadic, alcanza este ano a súa duodécima edición como unha referencia a nivel galego e nacional neste eido cultural. Son en total 13 espectáculos no Teatro Rosalía de Castro. A programación prevista entre abril e maio abrangue oito funcións, quedando as restantes para o último trimestre do ano. O programa conta coa presenza de importantes compañías e artistas galegos, nacionais e tamén internacionais.